viernes, 31 de marzo de 2023

MARZO, MES DA POESÍA

 MARZO ENCHE OS DÍAS DE PRIMAVERA E POESÍA!

E nós... felices! 

O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía, e para celebralo tivemos a honra de coñecer aos ratos poetas que viven na caixa da poesía. Mirade, mirade:

Nestes días lemos poemas de Antonio García Teijeiro, Gloria Fuertes, Ana María Fernández, Ramón D.Veiga, ou Anxo Iglesias, entre outros. Disfrutamos moito achegándonos a estes textos poéticos e lembrando os poemas que fixemos o ano pasado co noso nombre!

Ao tempo que celebramos a poesía comeza tamén a ansiada primavera. Por iso, este ano decidimos facer pequenos sementeiros de alfábega (albahaca, en castelán). Sacamos con moito coidado e precisión as sementes dunhas flores desta planta aromática, plantámolas reutilizando os envases dos ovos e coidámolas ata que comezaron a brotar.

Acompañamos esta planta aromática cun texto de Anxo Iglesias, autor de Unha nova dimensión (Xerais), un libro de poemas marabilloso e totalmente recomendable. Gustounos moito o seu poema "Espazo verde", así que elaboramos un pictopoema co seu poema eco-ilóxico, e levámolo para casa :)

Aquí vos deixamos un breve vídeo coas imaxes do proceso de elaboración deste producto final. Agardamos que vos guste, que gocedes moito co poema (e coa poesía en xeral), e que as alfábegas medren e poidades facer receitas de cociña con ela!

Que teñades unhas felices vacacións. 

Vémonos á volta!

Apertas,

Yaiza


domingo, 12 de marzo de 2023

DÍA DE ROSALÍA

  DÍA DE ROSALÍA

23 DE FEBREIRO 2023

Á volta do entroido agardábanos a celebración do Día de Rosalía, e este ano a proposta do Equipo de Dinamización de Lingua Galega consistiu en sacar ao patio do centro os seus poemas.

A comezos do mes de febreiro cada grupo escolleu un poema de entre unha selección feita previamente. A maioría destes poemas complementábanse con temas musicais do álbum Rosalía pequeniña, de Uxía (Galaxia), o tema Tecín soia, do grupo d'A Banda da Loba, e a canción con xestos do grupo Migallas inspirada no poema Eu ben vin estar o moucho.

Cada grupo traballou na aula co poema escollido e os nenos e nenas escribiron os versos destes poemas nunhas cartolinas decoradas coa imaxe de Rosalía de Castro. Á volta das vacacións saimos ao exterior para penduralas nas árbores e en diferentes espazos, enchendo de versos e poemas o patio

Aproveitamos o bo tempo para celebrar un recital poético no patio, e puidamos escoitar algúns dos poemas escollidos para coñecer e achegarnos un pouco máis á obra de Rosalía. 



Os nenos e nenas de 4 e 5 anos xa somos expertos en Rosalía de Castro, e ademais de lembrar a súa vida este ano coñecimos a canción dun grupo de música galego que se chama De Vacas e que, utilizando a canción dunha tal Rosalía, falaba da vida e obra da nosa Rosalía. Orixinal, verdade?! Deixámosvos aquí a ligazón á canción para que a disfrutedes na casa!



jueves, 2 de marzo de 2023

25N

Boa tarde, familias!

A estas alturas da vida, xa sabedes que un dos meus puntos débiles é subir información ao blog. Pídovos desculpas!


Este curso, polo 25-N, o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, os nenos e nenas de 5 anos prepararon un teatro inspirado no libro A historia dos bonobos con lentes, de Adela Turín e Nella Bosnia, editado por Kalandraka.
As nenas e nenos de 3 e 4 anos decoraron o escenario e o "teatro" para que viñeran o resto dos nenos e nenas do cole a escoitar a historia. E, ao final, e pese aos virus que nos acompañan este curso e que non queren marchar, quedou xenial! 
Gravámolo na clase uns días máis tarde, cando estivemos todos. E aquí vos deixamos o vídeo e un vídeo con fotos do making of. 


Foi un traballo en equipo no que nos divertimos un montón.

Agardamos que vos guste e animámosvos a que, se vos gusta, nos deixedes un comentario na entrada deste post para poder ler na aula! 

Moitas grazas!

VISITA!

Ola!

Hai uns días tivemos a sorte de recibir a visita de Erick, o pai de Damián e de Antonella. Erick é músico, toca instrumentos musicais do folklore galego e tamén é profesor, ensina a persoas que queiras aprender a tocar estes instrumentos. 

Ademais, Erick é tamén youtuber! Ten unha conta nesta aplicación con titoriales, técnicas, consellos... Se tedes curiosidade e queredes visitar a súa conta, premede a continuación en: Gaita & Percusión de Galicia.

Deixámosvos un vídeo con imaxes e outros dous con pequenos vídeos, xa que nesta visita tivemos concerto incluído con Antonella á pandeireta, Damián no bombo, Erick coa gaita e a profe Pili tocando o tambor!




Moitas grazas polo teu tempo e por achegarnos un pouquiño ao mundo da música tradicional galega.
 Encantounos!

miércoles, 30 de noviembre de 2022

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA

Boa tarde, familias!

O pasado mércores abrímoslle as portas do cole a unha visita sorpresa. Quen sería aquela rapaza que nos agardaba con aparellos moi curiosos, tintes e moitas novidades? Pois si!!! Unha científica, pero que tipo de científica? Unha veterinaria! E co fin de visibilizar a labor desta profesión, que vai máis alá do coidado das notas mascotas, dispuxémonos a atender e escoitar todo o que nos tiña que contar e ensinar Rebeca, unha das veterinarias de Miudiño Centro Veterinario, en Vigo.


A vida das células, onde, como, por que e con que analizaba mostras de pel, pelaxe ou mucosas, e o máis interesante: o que descubría a través de elas!! Piollos, pelos rotos, ácaros, virus, bacterias diversas... O fascinante mundo das radiografías, puidendo observar de preto unha boca dun can, o estómago dun gato...wow


Aprendemos tamén a realizar o experimento necesario para analizar mostras no microscopio, como mirar por el e ata como interpretalo, e non puido rematar mellor a visita, que empregando aparellos dun nome un tanto difícil como o fonendoscopio e o otoscopio. Que de termos tan científicos nos ensinou Rebeca, que rematamos a visita con moitas ganas de contalo a todo o mundo.


E tan abraiados/as quedaron coa súa visita, que aproveitamos a ocasión para enfundarnos as nosas batas e converternos nos auténticos/as científicos/as que levamos dentro. Mirade, mirade que de cousiñas aprendemos e sobre todo, mirade canto desfrutamos!!


Moitas grazas Rebeca polas túas ganas, polo regaliño científico e por amosarnos cousas tan interesantes da túa profesión como veterinaria 😊


miércoles, 16 de noviembre de 2022

OS PRIMEIROS ANIVERSARIOS

 Boa tarde, familias!

Desde que comezamos as clases celebramos xa uns cantos aniversarios. Comezamos nos primeiros días de setembro cos cumples do verán: Damián, Jimena, Pepe e Borja. Como eles aínda non trouxeran as fotos de cando eran máis peques pasamos un bo rato rindo e disfrutando moito coas imaxes. 


No mes de outubro celebramos os cinco anos de Mauro e Xoel :) Aquí tedes unha foto das ganas que tiñan de soprar o número 5 e un pequeno vídeo con fotos da celebración.



Como sabedes, sempre rematamos cun vídeo sorpresa grazas á vosa colaboración. Os que aínda non sabedes de que falamos non vos preocupedes, que xa vos tocará :)

Non vos despistedes, que pronto temos máis aniversarios!!

domingo, 6 de noviembre de 2022

VENRES MUSICAL

Ola, familias!

O pasado venres tivemos a sorte de contar coa visita de María e Miriam, da Agrupación Musical de Vincios. Viñeron ao cole para facer con nós unha clase de música e movemento como a que realizan na Escola de Música de Vincios e... pasámolo xenial! 
Foi todo ben sinxelo e divertido: cantamos (primeiro moi baixiño e logo tan alto que espertamos aos paxariños das árbores), fixemos música co noso corpo, lemos unhas imaxes ao ritmo da música, falamos dos instrumentos que coñecemos e incluso houbo tempo para que nos leran un conto con moitos sons. 
Se algunha familia está interesada nesta actividade, tedes nas follas de inscrición que levaron os nenos e nenas toda a información.
Aquí vos deixamos un pequeno vídeo con algunhas fotos da actividade :)

Moitas grazas a Miriam e a María por vir á escola e por facérnolo pasar tan, tan ben!

 

MARZO, MES DA POESÍA

  MARZO ENCHE OS DÍAS DE PRIMAVERA E POESÍA! E nós... felices!  O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía , e para celebralo tivemos a honra d...