jueves, 31 de marzo de 2022

PARABÉNS, IAGO!

Hoxe celebramos o aniversario de Iago, que xa ten 4 anos! Para celebralo montamos a nosa tradicional roda dos meses arredor do sol e, axudándonos das fotografías que nos enviou a familia de Iago, puidemos observar o paso dos anos. Foi xenial, Iago contounos algunhas cousas cando as vía nas imaxes e estivemos moi aten
tos escoitándoo e vendo as fotos de Iago!

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo con imaxes da celebración. 

Moitas grazas á familia de Iago por axudarnos a celebrar este día e polos doces que os compas levaron a casa :)





miércoles, 30 de marzo de 2022

OS PAXAROS E OS CONTINENTES

 Bo día!

Levamos unhas semanas xa investigando sobre os animais da Antártida e descubrindo todos os continentes do mundo. Aproveitamos o conto de Paxaro Amarelo, de Olga de Dios, para viaxar por todos eles e descubrir de onde son algúns deles, e para reflexionar sobre os paxaros que son paxaros pero que non poden voar (as galiñas, os pingüíns, as avestruces, o kiwi...). 

Esta historia tamén nos serviu para reflexionar sobre o coidado do noso planeta, xa que ata o Oso Polar tivo que se mudar ao Polo Sur porque no Polo Norte o desxeo é xa un gran problema... 

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo que nos fixo a profe Adelaida :)

 

miércoles, 2 de marzo de 2022

ENTROIDO 2022

 ENTROIDO 2022

        A semana pasada foi un non parar! As cabezas decoradas, ao cole en zapatillas, pixama e bata... e un desfile estupendo para rematar a semana e celebrar o entroido!

        Na aula aproveitamos esta semana para traballar con propostas de entroido. Achegámonos tímidamente aos traxes típicos do entroido galego, desenvolvimos a nosa imaxinación disfrazándonos con elementos que apareceron pola aula, teatralizamos personaxes e situacións, fixemos mestura de cores e degustamos doces típicos de entroido, entre outras cousas!

        Como poderedes ver nas imaxes, foi unha semana moi divertida!



PALABRAS CON CORAZÓN

  
    
    Como sabedes, unha vez ao mes recibimos a visita de Andrea, a profe de Audición e Linguaxe, que sempre nos agasalla experiencias fermosas! 
    Nesta ocasión falamos das palabras bonitas, das palabras que doen, das palabras que axudan, das que non... E chegamos a unha estupenda conclusión: a todos e a todas nós gústanos moito máis que nos falen con palabras bonitas, con palabras con corazón!
       Moitas grazas, Andrea, por esta fantástica sesión!

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

23 DE FEBREIRO
DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

   Neste mes de febreiro coñecimos a Rosalía de Castro, escritora e muller que fixo moito pola lingua e cultura galega. Traballamos con algúns libros que atopamos pola biblioteca do centro, escoitamos a música do disco Rosalía pequeniña, de Uxía (editado en Sonárbore-Galaxia), e ata fixemos unha investigación cun xogo de scape room (premede aquí se queredes velo).


     Aproveitamos que este ano coincidiu coa semana de entroido para elaborar unha máscara dun moucho, xa que estivemos bailando, xogando e cantando a canción de "O Moucho", inspirada nun poema de Rosalía de Castro e versionada polo grupo Migallas. Se queredes escoitar a canción, premede aquí.

    Para conmemorar o 185 aniversario do seu nacemento, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do cole decidiu participar na proposta da Asociación de Escritoras e Esctitores en Lingua Galega, sementamos pensamentos (#SementadePensamentos), a flor favorita de Rosalía.


Agardamos que vos gustara esta proposta!

COIDADO DA HORTA E CELEBRACIÓN DO 14F

 Ola!

Nestes meses temos a sorte de contar con Diana e Raquel, de Somos Terra, que están traballando para que poidamos ter unha horta e ensinándonos como coidala. No mes de febreiro fixemos sementeiros de pementos e de chícharos, que temos na aula e que estamos coidando (xa empezan a brotar!).


Xusto o luns seguinte foi 14 de febreiro, e aproveitando que tiñamos claro que para que medrasen os nosos pementos e chícharos tiñamos que coidalos, falamos do coidado, do amor, da amizade... 
Lemos o conto de "Siembra un beso", de Amy Krouse Rosenthal, e fixemos unha lupa para poder ver o mundo con moito amor.



Esperamos que vos gusten as imaxes!

ANIVERSARIOS DE FEBREIRO

Ola, familias!

No mes de febreiro celebramos o aniversario de Daniela e de Esteban, que xa teñen 5 e 4 anos. Como vimos facendo ata o momento, as familias envíannos unha foto da nena ou do neno por cada ano que ten, e así imos tomando conciencia do paso do tempo en primeira persoa ao tempo que compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras momentos importantes das nosas vidas. 

Aquí vai un pequeno vídeo deste día:

MARZO, MES DA POESÍA

  MARZO ENCHE OS DÍAS DE PRIMAVERA E POESÍA! E nós... felices!  O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía , e para celebralo tivemos a honra d...