martes, 30 de noviembre de 2021

 MÉRCORES

Bo día!

Cada vez queda menos para reunirnos de novo todos e todas na aula, así que hoxe deixovos un dos contos co que estamos a traballar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o 3 de decembro. 

O conto titúlase Otra cosa, está escrito por Kathryn Cave e Chris Riddell. Con este conto tratamos de facer comprender aos nenos e nenas como podemos sentirnos cando non somos aceptados, e a tristura que ese sentimento pode provocar en nós. Tamén queremos destacar a empatía, a tolerancia, o valor da amizade e a importancia de aceptar a todos e todas, porque na diversidade atopamos a riqueza.


Para conmemorar este día estamos traballando na aula con outros contos e con artistas dos que xa vos falaremos :)

Que teñades moi bo día!

Yaiza

Martes de rimas

 MARTES

Ola!

Como estades? Hoxe traio uns xogos con rimas e movemento que espero que vos gusten moito, moito. Ademais teño un reto para vós: atrevédesvos a aprender algunha destas rimas e mandarme un vídeo facéndoas? Podedes facelo sós ou acompañados, que sempre é máis divertido!

Aquí vos deixo tres rimas con movemento de Tamara Chubarovsky para que vexades e escollades a que máis vos guste. Primeiro temos que vela varias veces e repetila coa voz e imitar os movementos ata que o aprendamos. Se o facedes xuntos será moito máis divertido para todos!

Nós na clase tamén imos poñer as rimas, a do crocodilo xa a sabemos todos!

PIC Y PUC ➡ Vídeo PIC Y PUC

EL COCODRILO ➡ Vídeo EL COCODRILO


LOS ANIMALITOS BUSCAN CASA
 ➡ Vídeo: Los animalitos buscan casa


Que teñades un moi bo día!


lunes, 29 de noviembre de 2021

 LUNS

Bo día a todos e todas!

Que tal estades? Hoxe algúns nenos e nenas xa puideron volver a clase, e dentro de moi pouquiño estaremos xa todos aquí de novo. 

Por iso, ata que non esteamos todos xuntos na clase seguiremos colgando algunhas propostas para facer na casa cando poidamos ou non apeteza. 

Hoxe traio dúas propostas clásicas pero moi útiles e entretidas:

1. Recortar e pegar. Precisamos revistas vellas, papeis de cores, se non tedes podedes pintar papel branco das cores que queirades…, tesoiras, pegamento, e un papel cun debuxo ou trazo.
O pimeiro que hai que facer e elixir a base: podedes debuxar un trazo (ondas, líneas, montañas,un caminiño...), as letras do voso nome en maiúscula, ou un debuxo moi definido. Logo, recortamos papeis o máis parecido posible a un cadrado de 2x2cm aproximadamente, algo que vexamos que non é difícil para eles de manipular e coller cos dedos. Non poden ser moi pequenos porque dificulta moito o traballo (exemplo para adultos: imaxinade ter que pegar confeti, un a un, nun papel. Esgotador!).
Por último, co pegamento, pegar os cadradiños enriba do trazo marcado previamente. Algo así:



2. Cosemos: necesitamos cartón (prato de cartón ou un trozo de cartón dunha caixa de zapatos, cereais, galletas...), e la (ou un cordón de zapato). Facemos buracos no cartón cunha troqueladora, cunha agulla gorda ou cunha tesoira, e os nenos e nenas terán que pasar a la polos buracos. Se tedes unha agulla moi gorda e segura para que eles utilicen, xenial. Se non, coa man poden facelo se poñedes cinta adhesiva na punta da la ou cordar, será máis sinxelo para eles.

Se queredes podedes seguir enviando fotos do voso traballo na casa!

Moitas grazas polo voso esforzo e colaboración. 

Yaiza


viernes, 26 de noviembre de 2021

XOGO E FOTOS

Ola!
 
Non quero rematar a semana sen deixarvos por aquí o vídeo con máis imaxes que me enviáchedes. Encántanme todas! Aalgúns xogastes cos números, debuxastes un montón (e incluso neste vídeo temos convidada especial que seguro ides identificar), e houbo algunha compañeira que está cociñando cousas riquísisisimas!
 

Tamén vos deixo un xogo de inxenio que fixo Adelaida para todos e todas vós.
Seredes quen de adiviñar o intruso que hai nestas láminas? É algo difícil, pero convidámosvos a que nos acompañedes a realizar esta actividade, seguro que vos divertides e aprendedes un montón.
 
 
 
Que teñades unha boa fin de semana.
Moitos bicos para todas e todos!!
 
Yaiza

jueves, 25 de noviembre de 2021

EXPERIMENTO!

 VENRES

Bo día, familias! 

Xa é venres e queda menos para poder voltar á escola. Espero que esteades todos ben e que o tempo na casa sexa o máis tranquilo e entretido posible. E, por suposto, moitos parabéns polo voso esforzo durante estes días.

Para rematar a semana pensei nun experimento para facer en familia. Ides quedar alucinados e alucinadas ao descubrir que podedes facer mensaxes secretas!!

Material para o experimento

Precisamos:

- 1 limón

- 1 pincel

- 1 folio

- 1 vela

Pasos a seguir:

1. Exprimimos o limón.
2. Mollamos o pincel no limón e escribimos no folio a mensaxe secreta.
3. Deixamos que seque o líquido no papel.
4. Encendemos unha vela e poñemos o papel enriba, a 10 cm da vela, de xeito que lle chegue a calor ao papel pero que non se queme. Imos pasando o papel pola calor e veremos que a mensaxe comeza a poñerse de cor marrón.
5. Xa podemos ler a mensaxe!

Podedes facer o experimento e logo xogar con eles a adiviñar as palabras. Tamén podedes escribirlle unha mensaxe secreta a algún familiar ou amigo, seguro que os deixades sen palabras!

E para rematar... un pouquiño de música
Lembrades a canción do outono que poñemos ás veces na clase para bailar? 
Pois collede forzas e... a bailaaar!!! 

Premede AQUÍ!


Que teñades moi boa fin de semana e vaia todo ben!
Estamos en contacto para calquera nova que haxa con respecto aos resultados e o día de volta ás aulas.
Unha aperta!
Yaiza

NOVO VÍDEO

Ola!

Aquí vai outro vídeo coas fotos que ides enviando. Mil grazas a todos e todas vós! 

Espero que vos guste ver aos compas. Botámosvos moito de menos!

 
 
                                                                                    Yaiza

miércoles, 24 de noviembre de 2021

Abride ben os ollos: hai letras!

XOVES

Hoxe tedes unha tarefa moooi, moi importante: investigar. E, como bos investigadores, hai que repartir tarefas. Uns van tomar nota e outros captar imaxes! 

Os nenos e nenas de 3: Collede cámara ou un teléfono con cámara incorporada e abride ben os ollos para atopar letras! 

(Nota para papis e mamis: se queredes xogar vós tamén escondede pola casa tarxetas con letras ou palabras curtiñas e en maiúscula, pero tamén números. Así, poderedes debatir se o que atopan son número e letras e participar nesta investigación).

Os nenos e nenas de 4: Collede libreta de investigación e lápis, poñede as gafas de investigar e anotade todas as palabras que atopedes pola casa. 

(Nota para papis e mamis: pegade papeis con palabras nas paredes, nos mobles, debaixo de sofá...Empregade maiúsculas e palabras curtas ou os seus nomes e o dos compañeiros e compañeiras).

Enviádeme as vosas conclusións e probas da investigación, igual ata atopamos a solución a un misterio sen resolver!

E por se vos apetece xogar máis...

Precisamos papel de cores ou cartolina, rotuladores, e escribir unha letra no círculo do centro cunha letra e tiras ao redor con palabras que conteñan esa letra. Logo, rodea a letra sinalada no centro nas palabras.


Se vos apetece podedes facer unha bandexa sensorial para practicar o trazo das letras (ou dos números).
Déixovos unha imaxe con instrucións para elaborala, a ver se vos gusta!

 
 
E para a hora do conto...


Que teñades un bo día!


Yaiza



martes, 23 de noviembre de 2021

Hoxe: números e conto

 MÉRCORES

Ola, familias! 

Hoxe os números van ser os protagonistas. Vouvos presentar algunhas ideas para traballar cos números na casa utilizando materiais que seguro tedes a man.

1. Podedes facer tarxetas con números e ter que enganchar o número de pinzas que indica cada tarxeta. Cos máis peques da clase, ata o momento, estamos traballando coas cantidades 1-2-3. Pode ser que algún sexa capaz de asociar cantidades maiores, pero tamén pode ser que non saiban facelo. Non pasa nada, o importante é aprender xogando e sen presión. Pouco a pouco os coñecementos irán asentándose :)


2. Utilizando unha oveira baleira, podemos escribir os números e colocar nos ocos a cantidade (de botóns, garabanzos, pedriñas, etc.). Esta actividade podedes tentala, sobre todo, cos nenos e nenas de 4 anos.

3. Tamén podemos xogar co trazo. Esta actividade fixémola na aula e témola no recanto matemático para que a fagan cando queiran practicar. Trazamos o número nun cartón e facemos o debuxo con pedriñas, botóns, garabanzos, boliñas de papel... A ver que se vos ocorre! 


4. Estas actividades tamén as fixemos na aula. Podedes utilizar números, se os tedes, e se non debuxalos nuns cartóns ou papeis. A nena ou neno ten que ordealos e colocar debaixo o número de castañas (ou calquera outra cousa). Aos peques de 4 pídolles que ordenen e conten, e axúdolles cando solicitan axuda. Cos de 3 facémolo ao mesmo tempo, contando con eles á vez, axudándoos e xogando cos números 1-2-3. 



E agora... SORPRESA! 

Para a hora do conto a profe Adelaida envíavos este conto titulado "Un becho estraño", que agardamos que vos guste moito moito. Pelocha anímavos a que debuxedes a este becho estraño nun folio na vosa casa coa axuda das vosas familias. Xa sabemos que sodes uns artistas e que faredes uns debuxos preciosísimos. 
Ánimo rapaces! Querémosvos moito, moitísimo! Bicos para todos e todas!



Xa temos un montón de fotos do que estades facendo na casa e o primeiro vídeo probando a App Chatterpix Kids. A se adiviñades de quen é a voz :)




Agardo máis noticias vosas! 

Saúdo dos nosos compas

Os nenos e nenas da aula de 5 anos e a profe Raquel fixéronnos un vídeo para contarnos queeeee...

Moitas grazas, compas! Pronto volveremos a vernos :)

lunes, 22 de noviembre de 2021

Estimulación da linguaxe e English time!

MARTES

Hoxe as propostas veñen da man da profe Andrea, que trouxo a esta ventá virtual unhas actividades que seguro que vos encantan. 

A profe Andrea fai con todos nós un taller mensual de estimulación da linguaxe, ademais de traballar con algúns nenos e nenas que o precisan de xeito máis individualizado. 

Para este martes de outono envíanos un vídeo co que traballar a motricidade buco-facial, clicade aquí para ver o vídeo. Por certo, pode ser moi divertido que nos enviedes unha foto cunha praxia que vos guste. Animádevos!


Tamén hai unha proposta artística coa que espertar os músculos da boca. Tedes unha palla na casa? E pintura? E folios e cores? Pois...a soprar!! Debuxade unha cara e depositade gotiñas de pintura na parte superior. Logo, soprade para facerlle o pelo e quede así:

E xa por último, a profe Andrea recomendounos unha App moi divertida que se chama "CHATTERPIX KIDS". Empregando esta App e un debuxo, xoguete ou foto, podemos darlle vida a estes poñéndolles voz e facendo que movan a boca. Probade, que é moi divertida!
Para despedirme déixovos o vídeo que está colgado na web do cole do obradoiro de estimulación da linguaxe que fixemos con Andrea cando celebramos o Samaín. Podedes velo premendo aquí.

Momento no que mesturabamos ingredientes da poción coa bruxa Maruxa


ENGLISH TIME

Como hoxe é martes, teacher Esperanza tamén nos propón ver uns vídeos relacionados co alfabeto. 


  • ABC song and many more nursery Rymes for children: vídeo.


Que teñades un bo día!
                                                Yaiza

LUNS DE EXPERIMENTO!

LUNS

Comezamos a semana con un pouquiño de pringue: plastilina caseira!

Para facelo, utilizamos ingredientes que seguro tedes na cociña: auga, aceite, sal e fariña. Para as medidas, podedes aproveitar o envase dun iogur. Mesturade os ingredientes e comezade a amasar. Seguramente ao principio os nenos e nenas precisan un pouco de axuda, pero cando vexades que xa a masa toma forma deixádeos. É moi importante nestas idades utilizar as mans realizando exercicios diferentes.
Se tedes colorante alimenticio na casa, podedes botarlle unhas gotas cando teñades a bola feita.
 
Se vos animades a facela, agardo as vosas fotos! :) Se podedes enviarmas ao correo, podo facer unha presentación para que os nenos e nenas poidan verse entre eles e sentirse un pouco máis conectados.
 
Aquí vos deixo a receita:
 

E para a hora do conto...  Aquiles o puntiño, contado por Olalla González e ilustrado por Marc Taeger. É unha auténtica chulada este vídeo con conto e ilustracións ao mesmo tempo, disfrutádeo moito premendo aquí.


Despois de escoitar o conto podedes crear os vosos propios Aquiles. Se o facedes, enviádeme unha foto!

Que teñades un bo día!

Yaiza

 


Benvida ao noso blog!

Bo día, compas!  

Aproveitando a situación estreamos blog :) Servirá para poder estar conectados nestes días, pero cando voltemos á aula seguiremos utilizándoo para que sexa unha ventá pola que poder ver todo o que facemos na aula. Seguro que pasades moi bos momentos visionando os contidos cos vosos fillos e fillas. 

En primeiro lugar, vou dar algunhas instrucións para estes días:

1. É moi complexo trasladar o que facemos na aula á casa. En primeiro lugar porque o traballo que realizamos diariamente comprende máis que unha actividade en concreto ou unha tarefa. Por isto, non quero que nos agobiemos pensando en que o neno ou nena ten que estar toda a mañá realizando tarefas escolares. O que vou facer é subir unha entrada no blog diariamente na que vos propoña algún experimento, xogos para xogar coas letras, cos números, contos, etc. 

2. Facede o que poidades: entendo que a situación de casa familia é diferente.

3. Estaremos en contacto por correo electrónico, teléfono ou pola aplicación Abalar. Por favor, estade atentos. 

4. Moita calma! Seguro que vai todo ben e pronto estaremos de volta na aula. Coidádevos moito!

Yaiza

MARZO, MES DA POESÍA

  MARZO ENCHE OS DÍAS DE PRIMAVERA E POESÍA! E nós... felices!  O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía , e para celebralo tivemos a honra d...